La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Xa me gustaría viaxar a París o próximo mes de maio para visitar esa exposición que se vai celebrar sobre inventos extrafalarios ou extravagantes na Fundación Cartier: unha bicicleta para andar polo mar, un coche que camiña polo aire, un helicóptero portátil, un columpio ou pirincolla xigante, suspendido do ceo por medio dun globo, un submarino ruso que se chama Panamá…

Trátase, sen dúbida, desa parte non visible da loucura humana que nunca chega a realizarse, como un ser inmortal ou unha máquina de facer diñeiro na casa. Por certo que este último foi o soño imposible dun avogado bilbaíno que coñecín hai anos e que picaba do lado desa ocorrencia. Era un home afable e cordial, un pouco obsesivo, pero de trato fácil, incluso cando lle daba por explicar a teima que lle roía na cabeza. Non pretendía converterse nun estafador polo procedemento de dispoñer de medios técnicos para falsificar billetes de curso legal. Non, o que el quería era inventar unha teoría que demostrase de maneira lóxica que a xente podería fabricar o seu diñeiro na casa. Cada un anda co seu tema.

En París, polo que lin nos periódicos, o que vai dominar na citada exposición móvese fundamentalmente arredor da idea de voar, unha vella ilusión humana que non se colmou nin se colmará nunca co invento do avión, pois desprazarse polo aire dentro de calquera reactor de tipo comercial non se diferenza moito de estar sentado na casa papando a mosca ou vendo unha película na televisión. Voar é converterse en paxaro, con ás propias, sen corpo interposto, a non ser o aire. Non se sabe ben por que a ciencia, tan poderosa, non solucionou aínda ese problema. Quizais para que os toliños poidan seguir soñando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de abril de 1998.