La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, mentres viaxaba no coche de Vigo a Santiago, fun escoitando na radio unha discusión amarga sobre un problema relativamente menor: o sentido cultural da Semana Santa andaluza. O contertulio máis radical, ateo furioso, acabou descualificando ao seu adversario de xeito contundente. Dixo que discutir por discutir, para el carecía de sentido e que nunha controversia só lle interesaba o intercambio de ideas, non o debate en si. Unha maneira antiga e non demasiado orixinal de chamarlle parvo ao adversario.

Incluso unha opinión como esa resulta problemática. Hai unha historia relacionada con Chesterton, perfectamente contrastada, que se o citado contertulio a coñecese, levaríao a dubidar da súa afirmación. Como é sabido, o célebre escritor inglés era un discutidor incansable, sobre todo cando discutía co seu irmán.

Un día empezaron a discutir os dous pola mañá, mentres almorzaban. Os pais fóronse da casa e cando volveron á hora de xantar, os rapaces seguían nas mesmas. Entón dixéronlle á criada que lles preparase unhas torradas e que os deixase en paz. A iso das cinco, a cousa continuaba, e ás dez. Remataron, segundo destemuño da nai, ás dúas da madrugada. Este episodio tense contado centos de veces e forma parte da mitoloxía dos devotos de Chesterton. O que non se sabe é de que discutiron os irmáns. Nin falta que fai.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de abril de 1998.