La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escribo este artigo no AVE, desde Ciudad Real a Madrid. Onte, durante a cea, preguntáronme se era a primeira vez que estaba na cidade e quedei un pouco desconcertado, porque nese momento me sucedeu algo que sempre me pasa desde que era rapaz, xa cando ía á escola, que confundía Ciudad Real con Guadalaxara. De maneira que eu sabía que estivera nunha das dúas, hai xa bastantes anos, participando nunha daquelas xornadas literarias nas que andabamos sempre a mesma tropa e que, se cadraba que José Agustín Goytisolo se metía polo medio, podía acabar todo como o Rosario da Aurora. Naquela ocasión estivemos a punto de ser linchados.

A cousa empezou porque José Agustín, unha das mellores persoas que coñecín na miña vida, ía el tantas veces, non alegre, porque o alcohol non o puña contento, senón choroso e triste, un pouquiño descontrolado. Cando estabamos na tribuna, un mozo do público sinalou co dedo cara a nós e José Agustín entendeu que se mofaba del.

A resposta do poeta foi fulminante: fíxolle unha puñeta como unha casa, contundente e sonora, inequívoca. O malo foi que o público, ou polo menos un sector, entendeu que o xesto era para todos e armouse a marimorena. Fixo falta a diplomacia e a exquisita elegancia de Guillermo Díaz-Plaja para que aquilo non rematase en desastre. Unha parte da xente ausentouse e quedaron só os adictos e os menos susceptibles, quizais tamén os máis intelixentes. Ao final, José Agustín meteunos no bote a base de simpatía e bondade. Case o sacan coma un toureiro. Cando contei isto onte, unha das rapazas da cea dixo: “Iso tivo que ser en Guadalaxara”. Pois a min dáme que foi en Ciudad Real.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de abril de 2000.