La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde os primeiros días do presente mes de marzo, no estado de Nova York, a policía de tráfico pode confiscar os automóbiles daqueles condutores que sexan sorprendidos cunha tasa de alcohol superior á permitida polas leis. Na data inaugural da citada medida, tres persoas perderon os seus coches, entre eles un individuo que xa fora detido en oito ocasións por ese motivo. A prensa, en xeral, recibiu as novas normas sancionadoras con entusiasmo, así como distintas organizacións cidadás, e o alcalde da cidade, o controvertido Giuliani, viu como se incrementaba a súa aceptación nas  enquisas, convertido no ídolo de todos os amantes da disciplina.

En principio non resulta nada difícil poñerse a favor dun control estrito, incluso duro, das persoas que conduzan baixo os efectos do alcohol. Niso, o alcalde conta co apoio da inmensa maioría, mesmo dalgúns expertos que consideran que a citada medida será revogada polos tribunais, por anticonstitucional. Non obstante, hai tamén quen está en contra, máis que nada por razóns de coherencia.

É o caso de Malcolm Gladwell, un columnista do New Yorker, que se fai algunhas preguntas. Por exempo: se un borracho guiando é un perigo potencial, por que non se trata igual á xente que leva armas? Ou se moitos accidentes se deben ao uso dos teléfonos móbiles e se unha parte das mortes de tráfico están causadas polos choques contra eses autos enormes, agora tan populares en América, por que non se obra coa mesma dureza nestes casos? Está claro que non lle falta razón ao periodista, pero perde o tempo. Entre un borracho ao volante e un home armado, por citar só un exemplo, a xente, a pesar de todo, tenlle máis medo ao borracho.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de marzo de 1999.