La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Moita xente acordarase aínda do escándalo que se produciu nos Estados Unidos cando a secretaria do presidente Nixon dixo diante dun xuíz que os vinte minutos que faltaban nunha cinta foran borrados por ela de maneira involuntaria. A explicación que deu, pola postura que tiña que adoptar, un pé nun pedal, unha man situada metro e medio máis alá, case tirada sobre a mesa, converteuse, por incrible, na rechifla nacional. Por esa razón, Rose Mary Woods chegou a ser portada nada menos que da revista Newsweek.

Sabía todo de Nixon, pero nunca dixo nada. O día que o coñeceu no Senado, cando o político republicano lle pediu que se convertese na súa secretaria, Rose Mary foi moi clara. Díxolle: “En primeiro lugar, son do partido Demócrata; en segundo, son católica”. Dese xeito iniciouse unha relación que durou máis de vinte anos.

Nestes días, nos Estados Unidos, Rose Mary Woods estase convertendo no símbolo da lealdade, agora que esa virtude parece non defendela case ninguén no entorno da Casa Branca. Moitos, ademais, compárana coa secretaria de Clinton, Betty Curry, unha muller relixiosa que declarou contra o seu xefe porque, segundo ela mesmo defende, para a súa conciencia é máis importante dicir a verdade que ser leal ao presidente. Difícil elección. Persoalmente, entre a xente e a conciencia, eu quedome coa xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de marzo de 1998.