La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aproveitei o descanso do sábado para ler o libro de Josefina Carabias sobre algúns escritores e outras figuras da vida española da primeira metade deste século. Pareime especialmente no capítulo que lle dedica a Pío Baroja, un novelista que me interesa moito como personaxe e algo menos como escritor. Gustaríame coñecelo, cousa que non puido ser, entre outras razóns por culpa da miña idade, pero tiven a sorte de tratar a moitas persoas que mantiveron unha relación máis ou menos estreita con el, como foron os casos de Domingo García-Sabell, Edmundo Estévez, tamén coñecido como  “Alambritos”, Xesús Alonso Montero ou Juan Benet.

Todos eles coincidiron sempre en falar de don Pío como dun señor arbitrario, forma de ser que, se vai unida á naturalidade e ao talento, pode producir uns tipos humanos realmente fantásticos. A García-Sabell escoiteille varias veces aquela historia magnífica do ingreso de Baroja na Real Academia Española, cando lle preguntaron se xuraba ou prometía, e el respondeu: “Yo, lo que sea costumbre”.

Na semblanza de Josefina Carabias, don Pío aparece así. Conta a periodista que nunha ocasión o foron visitar unhas señoras moi cultas e admiradoras do novelista. No transcurso da conversa, na que as mulleres trataron de sacar o mellor del, falándolle de literatura, cine e cousas así, atopáronse con que o escritor estaba máis preocupado, en realidade, polo pouco diñeiro que gañaba, pois aínda que tiña poucos gastos, segundo lles confesou, sempre había necesidades como cortar o pelo ou comprar uns calcetíns, que non se podían eludir. Aquel era, sen dúbida, o mellor Baroja, pero as señoras non se decataron e saíron decepcionadas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de marzo de 1999.