La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nunha revista americana un artigo da escritora rusa Tatiana Tolstaia no que conta como unha amiga xa moi vella un día lle contou que na época dos tsares, Rusia era un paraíso. Segundo a señora, o seu avó, que non pasaba de ser un simple traballador, naquela época podía beber todos os días, ir de compras ás mellores tendas e co diñeiro sobrante mercarlle á súa muller un anel de ouro con esmeraldas. Por outra parte, os obreiros almorzaban con caviar, os campesiños nadaban en gran e os policías eran educados e correctos.

Naturalmente, se as cousas eran así, nada ten de estraño que o propio Nicolás II, xa capturado polos revolucionarios e a punto de ser fusilado, estivese convencido de que o pobo o quería sinceramente e que os disturbios provocados naqueles días obedecían á maquinación duns poucos axitadores profesionais que pronto serían detidos pola policía e o exército para seren xustamente castigados.

Con toda seguridade, Rusia non era un paraíso na época dos tsares nin a xente amaba con paixón ao tsar Nicolás. Non obstante, este conto fantástico que fala dun pasado fabuloso que nunca existiu é un dos soños inventados ultimamente polos rusos para poder sobrevivir no terrible inferno no que habitan desde hai anos. Outros recordan as marabillas inexistentes da época de Stalin. Só os máis valentes se atreven a vivir sen soñar. Da capacidade destes para aguantar espertos depende a morte dos fantasmas dos demais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de febreiro de 1993.