La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando abrín este periódico no que escribo, lin unha noticia que me revolveu o corazón. Falaba dun señor, licenciado en Dereito e doutor en Filoloxía, a quen colleron roubando uns gravados na Biblioteca Nacional, en Madrid, e na casa do cal, posteriormente, a policía atopou uns trescentos exemplares máis, todos arrincados de varios libros do século XVIII ou cortados cunha coitela que lle encontraron no pupitre que ocupaba cando foi sorprendido. As iniciais dese señor empezaron a saltar de repente na miña memoria.

Erguinme e fun revolver nun sobre grande que recibín ese ano polo nadal. Dentro atopei unha tarxeta de visita que se correspondía co nome desa mesma persoa, que me felicitaba as pascuas e o ano novo e me anunciaba o envío, que acompañaba, dun orixinal que pretendía publicar. Incluía tamén dous preciosos gravados.

Non sei que clase de presentimento me levou a aprazar o enmarcado desas xoias: algunha sombra poderosa no lado máis escuro de dentro. O caso é que agora, despois de falar co director da Biblioteca Nacional, xa non me custará tanto devolver os gravados como se os tivese colgados na casa, convertidos nunha parte gozosa e íntima da miña vida diaria. Contentareime con facerlles unha boa fotocopia, máis que nada para cando lles conte esta historia aos amigos. Ao señor ese, que Deus o comprenda e lle bote unha man.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de febreiro de 1995.