La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de días, nunha desas cadeas de televisión que chegan por satélite, vin un interesante programa de tipo documental. Tratábase da historia certa de dous homes, un dos cales disparou sobre o outro durante un atraco na recepción dun motel. Once anos despois daquel suceso, que foi rexistrado en todos os seus detalles por unha cámara de vixilancia, os dous protagonistas do drama encontráronse fronte a fronte no cárcere, onde o primeiro deles cumpría a pena de prisión que lle correspondeu polos feitos.

Na conversa que mantiveron en presenza dun funcionario de prisións, a vítima, un home aínda abatido pola desgraza, quería saber dúas cousas: primeiro, a razón da saña con que fora tratado, tendo en conta que non ofrecera resistencia e entregara os cartos que lle pedían; segundo, por que disparara contra el ao marchar, sen motivo.

O outro respondeu: os golpes coa culata na cabeza foran porque lle pareceu que tardaba en obedecer a orde de que se tirase ao chan; o tiro pegoullo porque tivo a impresión de que pretendía accionar unha alarma. Finalmente, o atracador pediu perdón e o atracado deulle a man. Mentres tanto, víanse as imaxes gravadas da traxedia: un disparando; o outro caendo redondo. Abondaron once anos para convertelas nunha película irreal e absurda. En xeral, o tempo desactiva o corazón. Case sempre para ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de febreiro de 1998.