La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu non sabía que Wilt Chamberlain, o célebre xogador de baloncesto, dixera unha vez que tivo vinte mil amantes. Ata entón, a cifra maior que se coñecía era a do novelista Simenon, que nas súas memorias, fascinantes por razóns moi diferentes, confesaba arredor de sete mil, incluída a criada. Non lonxe deste último andaba Félix Faure, presidente de Francia a finais do século pasado, que non tivo tanta sorte como o seu colega Bill Clinton, pois morreu en pleno pecado e agarrou con tal forza a melena da muller coa que estaba naquel momento, Marguerite Steinheil, que a garda presidencial lle tivo que cortar o pelo a ela cun sabre para liberala.

Nisto das cifras dos grandes amantes da historia hai que ser cautos, pois non sempre se di a verdade. Nin sequera estamos seguros de que Augusto o Grande de Saxonia, que figura tamén nese catálogo, tivese os trescentos fillos bravos que se lle apoñen, en parte porque son informacións que ou veñen dos seus inimigos, por denigralo, ou dos seus amigos, por enxalzalo. E todos contentos.

Cando Wilt Chamberlain fixo público o número das amantes, houbo reaccións distintas, desde os que amosaron o seu asombro ata os que se negaron a crelo. Entre estes últimos, un predicador botoulle as contas durante un programa de televisión e chegou á conclusión de que Chamberlain mentía. O argumento era dunha contundencia magnífica. Dividindo o número de mulleres entre os anos do deportista, supoñendo que este tivese a primera amante aos dezaoito, daba un resultado imposible: 1,5 mulleres por día. “Non se pode amar media muller”, concluíu o pastor. Ten razón. Así que, con esa proba, é probable que fose unha mentira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de febreiro de 1999.