La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Para as persoas que se indignan ou se irritan ante o comportamento público dos insensatos, o espectáculo que deron o outro día un grupo de deputados checos no Parlamento do seu país debe ser un motivo de desgusto. Desde logo, entre as múltiples mostras de actuacións aloucadas que se dan adoito na vida política moderna, está é un dos maiores desatinos dos últimos tempos. O que alí dixeron e fixeron aqueles señores enfurecidos podería ser catalogado como unha mostra pura de conduta zoolóxica.

A Václav Havel, a candidatura do cal para a presidencia do país se sometía a votación, convertérono nun cristo de insultos. Dixeron del que era fillo de millonarios, megalómano, escritor mediocre, amigo e protector dos comunistas, intelectual e traidor. Naturalmente, como resulta lóxico e inevitable nestes circos, acabaron chamándolle colaborador dos nazis e confidente da policía. O de sempre.

Hai moita xente indignada polo comportamento incivil deste grupo de deputados. O que ocorre é que un insensato, a non ser que sexa da especie alterada e perigosa que ataca ao home, nunca pode ser motivo de desgustos, senón causa de diversión, da mesma índole daquela que se experimenta cando un ten a oportunidade de contemplar fenómenos como a muller de dúas cabezas, o becerro con corpo de ovella ou a vaca que ri. Son unha mostra das desviacións ás cales pode conducir a natureza, non sempre dramáticas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xaneiro de 1993.