La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, mentres fóra da casa zoaba o vento ao bater contra as árbores e o alto da Grova se ía cubrindo todo de branco coa neve que caía, senteime nunha butaca, coa calefacción posta a tope, e púxenme a ler o último número da revista inglesa Index, que levaba uns días agardando que lle botase unha ollada. Entre unha reportaxe sobre Diana de Gales e unha serie de artigos sobre a partición da India e o Paquistán, ocorrida hai agora cincuenta anos, inclineime pola segunda. Por sorte, non tiven que arrepentirme.

Lin historias conmovedoras, como as que falaban das mulleres hindús, todas pobres, raptadas e trasladadas ao Paquistán,onde vivían cos seus violadores. Anos despois, cando se organizaron misións para levalas de volta cos seus homes, moitas non quixeron regresar: comían xeados, vestían roupa de seda e ían ao cine.

A maior parte dos testemuños relataban experiencias espantosas. Houbo unha, non obstante, diferente. Un día, un tal Latif, musulmán da India instalado no Paquistán, recibiu unha carta dirixida a el como ocupante da casa na que vivía. Como remitente figuraba o antigo propietario, un hindú chamado Bedi, que lle dicía que os dous, antes que nada, eran seres humanos. Escribíronse durante anos. Nese tempo, ademais, Latif foi metendo en paquetes os libros de Bedi, que era o que este máis botaba de menos. Logo mandoullos por correo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xaneiro de 1998.