La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O centenario do poeta Jorge Guillén tráeme á memoria unha tarde chuviosa en Compostela, hai xa moitos anos, cando o meu profesor de literatura na universidade, don Enrique Moreno Báez, nos comunicou a Arcadio López-Casanova e mais a min que o poeta estaba en Santiago, que aquela tarde o tiña convidado a tomar café na súa casa da praza de Feixoo e que quería tamén convidarnos a nós. O profesor coñecía a nosa paixón pola poesía en xeral e sabía ademais da devoción particular que ambos sentiamos por Guillén.

Como a cita era ás catro, Arcadio e mais eu, que tiñamos horarios gastronómicos de estudantes, decidimos queimar o tempo sobrante dando unhas voltas pola cidade, iso si, sen alonxarnos demasiado do lugar da cita. Nunha destas, ao virar na esquina da Rúa Nova con Xelmírez, batemos de súpeto cun señor, ao cal lle demos un bo empuxón co impulso que levabamos. Era Jorge Guillén.

O que nunca lle aclaramos ao noso amable profesor foi a relación que tiñamos co poeta, cando este, á hora das presentacións, dixo que xa nos coñeciamos. Da velada recordo, sobre todo, a vivísima intelixencia de Guillén, a súa enorme cultura e a inocencia divertida, claramente infantil, con que facía preguntas inxenuas sobre algo que oíra contar en América e que quería saber se era certo: que a muller do xefe de Estado rapiñaba nas xoierías. De momento non direi o que lle respondeu o profesor Moreno Báez. Non vén a conto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xaneiro de 1993.