La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amante arrebatado de amor, Grigori A. Potemkin, mestre na elección delicada de regalos sorprendentes, conseguiu espertar en Catalina de Rusia unha paixón enlouquecida. Empezou mandándolle un cestiño de cereixas maduras en inverno. Pouco máis tarde, envioulle un racimo de uvas traídas de Crimea. Despois, un pequeño ramo de rosas amarelas compradas en Italia. Por último, un esturión, un só, pescado a centos de quilómetros de distancia e transportado ata Petersburgo por setenta cabalos a galope organizados en relevos.

Destas pequenas miudezas, cando xa conquistara o corazón da soberana, Potemkin pasou a facer auténticas loucuras. Nunha viaxe, só para que a súa amada as contemplase ao pasar, ergueu cidades que non eran máis que unha fermosa fachada: as casas carecían de teito e de portas, e detrás non había rúas nin habitantes…

Alguén acaba de imitar a Potemkin na visita que Hillary Clinton fixo a un hospital en Moscova. O mobiliario puxérono de véspera, os nenos que visitou nas camas chegaran un par de horas antes; unha señora embarazada que agardaba por ela na sección de maternidade era puro decorado, pois o hospital carece dese servizo; as casiñas de madeira do xardín retiráronas inmediatamente despois da visita… Desde logo, as autoridades rusas imitaron o peor de Potemkin. A ninguén se lle ocorreu invitala simplemente a un cestiño de cereixas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xaneiro de 1994.