La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu periodista, que un día viu a lady Di durante uns segundos cando a princesa saía dunha tenda en Oxford Street, no centro de Londres, asegura que o mito de que esta ten unhas pernas fermosas non é máis que unha lenda. Polo visto, observadas desde atrás, na parte de abaixo, entre o nocello e o talón, adquiren un aspecto grotesco, como se formasen a punta dunha estaca, cun parecido cuspidiño ao rabo dun xurelo. Ao meu amigo tampouco lle gustaron as orellas, que el emparellou coas dun bicho feo, descoñecido.

Desde entón, este amigo foise especializando pouco a pouco na biografía de lady Di. Co tempo chegou a saber moitas cousas sobre ela. Sabe, por exemplo, que é moi burriña e ignorante, incapaz de ler un libro, e que en materia de cultura é practicamente analfabeta. Sabe tamén que ten un falar simple, ás veces infantil, con opinións tan tontas sobre asuntos importantes que sobrecollen a alma.

É posible que toda a información que o meu amigo conseguiu recompilar sobre esta muller sexa certa. Probablemente, se a xulgamos cos datos que se coñecen, se trate dun ser insignificante, de espírito vulgar, vítima da elección equivocada dun home a quen as circunstancias da vida o situaron nun lugar desde o cal o mundo se pode ver como unha boliña de xoguete. O que ninguén lle poderá negar a lady Di, non obstante, é unha certa grandeza tráxica: con esa cara de mosquiña morta fixo cambalear a monarquía británica.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de decembro de 1992.