La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era estudante en Santiago, había unha señora maior que se enfadaba co cine. Se no transcurso da proxección dunha película, algún actor ou algunha actriz dicía algo que non lle gustaba, púñase a discutir con eles en voz alta. Hai xente que fai o mesmo coa televisión, entre eles un amigo meu que, cando se irrita, achégase ata a pantalla como unha furia, disposto a baterlle a alguén. Por outra parte, nos partidos de fútbol televisados, os verdadeiros forofos, como é sabido, compórtanse igual que se estivesen no estadio, é dicir, que insultan ao árbitro, falan a berros cos xogadores cando cometen un fallo ou censuran ao presidente se as cousas van mal.

Confeso que non chego nunca a ese tipo de entusiasmos. Hai, non obstante, unha clase de xente, desa que sae con frecuencia na televisión, que me sitúa á beira mesma do enfado. Refírome aos adiviños, astrólogos e videntes que aparecen dicindo bobadas e que logo fan negocio cos teléfonos de pago, aproveitándose da inxenuidade de moitas persoas, cando non da ignorancia, do medo ou da soidade.

Hai poucos días, a un médico de Ourense que desde había un par de meses lle chegaban uns recibos de teléfono avultados, aclaróuselle o misterio precisamente mentres vía a televisión cun dos seus fillos pequenos. Apareceu na pantalla un dos tales señores, loiro e disfrazado, metendo publicidade da súa trapallada. De súpeto, o rapaz, indignado, púxose a berrar: “¡Mentirán! ¡Sempre me di por teléfono que vou aprobar as matemáticas e logo suspendo!”. Estaría ben montar un programa na televisión entre o citado individuo e os nenos aos que leva estafado. Sería como meterlle ao golfante unha bomba atómica de inocencia por unha orella.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de decembro de 1998.