La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había na miña vila un señor comerciante, algo afeccionado tamén á poesía, que tiña unha teoría, na que acreditaba como se fose unha verdade matemática, respecto da inexistencia da lotería nacional. En concreto pensaba que era un invento ou unha montaxe do goberno, non recordo con que intencións, na que todo se baseaba nunha gran mentira perfectamente tramada. Poucas veces vin a ninguén defender con tanto ardor e convicción unha tese tan peregrina.

Sobre todo, resultaba conmovedor para min observar a cara de noxo ou de conmiseración que puña diante dos escépticos que non acababamos de ver claro que a teoría que defendía aquel home tivesen algún tipo de fundamento na realidade. Recordo unha conversa que eu mantiven con el, alá polos meus anos de adolescente, cando un aínda garda intacta a confianza no valor e a capacidade argumentativa da lóxica. Trataba de convencelo co mesmo entusiasmo que un rapaz de dezaseis anos se afana en convencer a unha prostituta de que deixe o seu oficio ou coa mesma fe que un cura bondadoso pretende desmontarlle a un ateo os seus articulados argumentos respecto da inexistencia de Deus.

Era como bater en ferro. Primeiro preguntoume se a min me tocara algunha vez a lotería e respondinlle que non. Logo preguntoume se coñecía a alguén a quen lle tivera tocado e díxenlle que ao meu pai lle tocara unha vez iso que chaman a pedrea. Respondeume con desprezo: “¡Calderilla!” Despois, poñendo un xesto de paciencia infinita, como do sabio que fala cun idiota, engadiu: “Iso que gañou o teu pai é a verdadeira lotería, a outra, a dos millóns, é trampa”. O resto da teoría resultaba irrefutable, e o argumento maior, que a xente que aparecía como gañadora dos primeiros premios recibía, a cambio de facer o paripé, un millón de pesetas. Cando escribo este artigo, aínda non se sabe quen son os farsantes elixidos este ano. Uns farsantes para que todo un país siga soñando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de decembro de 2000.