La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez dei unha conferencia para mil mulleres na Coruña. Na presentación, a organizadora advertiume con humor que ao rematar habería baile. Contando esta historia unha noite en Madrid, xurdiu un deses destripacontos que resultan case inevitables en todas as tertulias e que teñen como característica humana principal a condición de rachar a maxia dunha historia buscándolle as contradicións lóxicas. Son da raza daqueles individuos que, despois de escoitar as anécdotas divertidísimas que contaba Valle-Inclán nos cafés madrileños, acababan comentando con suficiencia: “Mentiras. Don Ramón lo inventa todo”.

Pois na ocasión da que falo, o que me dixo aquel señor foi que na Coruña non había ningún lugar para xuntar a mil mulleres e darlles unha conferencia. A obxección, diante de persoas que non sabían se ese dato era certo, tiña o peso e a contundencia do realismo máis pedestre, que impresiona sempre. Polo tanto, puiden quedar como un mentirán.

Por iso o domingo, cando asistín na Coruña á comida que se organizou coas persoas que traballamos ou colaboramos na casa que fai este periódico, sentín unha alegría enorme ao escoitar polo micrófono que eramos máis de setecentos. Digo isto porque o local era o mesmo onde eu dera aquela conferencia. Decateime de que aínda se poderían meter alí trescentos máis. Gustaríame facerlle chegar a noticia a aquel individuo de Madrid, aínda que non sei se serviría de moito, pois lle quedaría o recurso de dicir: “En La Voz de Galicia non traballa tanta xente”. E para desmentilo, tampouco se trataría de invitar a un tipo tan aburrido a un xantar coma este. Son dos que din que o faisán é polo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de decembro de 1999.