La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando falei onte aquí do Pixiñas, o rapaz que andaba recollendo do chan todo canto obxecto atopaba, fosen botóns ou espiñas de peixe secas, acordeime dun revolucionario arxentino que coñecín en Suecia nos anos setenta e que estaba obsesionado con poñer fin ao despilfarro consumista das sociedades modernas. Chamábase Daniel Marchetti, era alto e loiro, un pouco ensumido de corpo, tirando a tirillas, de rostro pálido e aspecto nobre, con aires de iluminado. De corazón, pareceume un home bo.

Un día deixoume ler a súa teoría, exposta en cincuenta ou sesenta folios mecanografados, ben escrita e non mal razoada, pero sen unha faba de sentido común, puro disparate dunha intelixencia alonxada do mundo e da realidade. Aquel señor ben intencionado pretendía facer a revolución máis triste da historia.

A cousa consistía en eliminar luxos superfluos e innecesarios. Por exemplo, a roupa toda igual, así coma os zapatos, os coitelos, os vasos, os coches, as mesas… Estaba convencido de que co aforro conseguido se podería resolver o problema da fame. Medio en broma díxenlle que, co tempo, cando os científicos o lograsen, podíase tamén facer a xente un pouco máis pequena e máis delgada, co aforro que suporía en roupa, comida e incluso na madeira de facer as camas. Chamoume frívolo e nunca máis me tomou en serio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 1997.