La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu, que tamén admira moito a Miguel Torga, o escritor portugués de quen falei aquí hai algúns días, chamoume onte por teléfono para dicirme que a historia que contei sobre a dedicatoria que o poeta lle puxera a unha moza á fronte dun dos seus libros, mais o comentario posterior que lle fixera a Mario Soares sobre as pernas daquela rapaza, encaixaban mal coa imaxe austera, incluso puritana, que daba Torga.

Estou de acordo, pero neste tipo de cuestións non se pode poñer a man no lume por case ninguén. Como din nalgúns países, os peixes gordos nadan sempre en augas tranquilas, á parte de que falar das pernas das mulleres, ata hai pouco, podía ser un pecado contra a pureza ou a favor da luxuria, pero aínda non se entendía como unha mostra de comportamento sexista. Nisto cambiouse moito nos últimos anos. Polo tanto, acusar a Torga por aquela frase sería igual que acusar a unha moza de principios de século de ñoña ou recatada por levar na praia un bañador con saia ou un albornoz.

Máis difícil sería emitir un xuízo sobre outra cousa que me contaron do propio Torga eses días que estiven en Lisboa. Un escritor daquel país, amigo meu, atopou un día nunha librería de ocasión outra obra do citado colega, esta vez dirixida ao poeta José Régio, na que lle escribira: “A José Régio, coa minha admiração, a troco da sua”. Pódese entender como unha mostra de ironía, pero tampouco sería abusivo vela como unha proba de vaidade. Neste último caso, un pecado permanente, pero nada inxurioso para o pecador, porque aquí ninguén podería tirar a primeira pedra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de novembro de 1999.