La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Madrid para participar no acto de entrega do Premio Francisco Cerecedo, o xurado do cal presidín eu este ano. Esa foi a razón de que compartise mesa co Príncipe de Asturias e catro persoas máis. Gustaríame contar aquí as cousas das que falamos, pero entendo que non sería correcto. Non resisto a tentación, sen embargo, de dicir que a don Felipe, cando era neno, lle curaban as picaduras das avésporas achegándolle ao sitio maltratado un cigarro aceso, case ata queimar. Polo demais, engadir que o príncipe é un home maduro, intelixente, de trato fácil e moi culto. O mesmo Arcadi Espada, o gañador do premio, coma eu, tivemos a impresión de estar falando cun home do noso mundo, tanto polas preocupacións como polas lecturas.

Será un rei de luxo. Con todo, non foi a conversa con el o que máis me impresionou do acto celebrado na noite do luns. Direi que o libro que gañou o premio, Raval. Del amor a los niños, trata dunha historia macabra, ocorrida hai tres anos en Barcelona, cando se inflou un globo falso sobre nenos alugados sexualmente polos seus propios pais. A irresponsabilidade de periodistas, xuíces, psicólogos e outros, inventou un monstro horrible.

Cando lin o libro sentín indignación, case ata chorar, sobre todo polos pais dun neno, separados do seu fillo durante quince meses e metidos en prisión, acusados falsamente de vender o seu fillo a un pederasta. É unha historia digna de existir só no inferno, absolutamente inhumana, propiciada pola irresponsabilidade, a frivolidade e a irracionalidade de demasiada xente. Estes pais inocentes estaban o luns na festa do Hotel Ritz, invitados polo gañador, entre ministros, líderes políticos, maxistrados, escritores e periodistas. No meu discurso falei da inocencia destrozada. Poucos dos asistentes sabían que eles estaban alí, modestamente vestidos, coa dignidade saíndolle polos ollos. ¿A dignidade ou a amargura? Ogallá non fose escepticismo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de novembro de 2000.