La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nestes últimos días vexo moi citado nos periódicos un coñecido eurodiputado vasco que nos primeiros anos da democracia ocupou un lugar preeminente na vida política española. Era odiado pola dereita salvaxe e pola dereita civilizada, mentres que a xente da esquerda non rabiosa o miraba de esguello e con desconfianza. Un día coincidín con el no mesmo avión, observeino de lonxe e cheguei á conclusión de que a cara que tiña, medio moura e medio italiana, non era de mala persoa. Un rostro de golfo reprimido.

O radicalismo que amosaba, implacable e teimudo, ás veces ambiguo, resultaba antipático. Tiña un aire de cousa equívoca e maligna, mesmo demoníaca, con perdón, pola habilidade retorta con que ensarillaba os problemas para provocarlle dificultades ao Goberno. Todo en proveito dunha causa, por suposto.

Non sabía eu daquela que o citado señor era devoto, de comuñón e rezo frecuentes. Souben un día, por Herrero de Miñón, que a infausta noite do golpe de Tejero fixo de inter mediario entre o deputado vasco e un ex-cura, tamén representante abertzale, para que este o confesase. O problema era que o crego estaba suspenso “a divinis” e non podía. Ao final, parece que a emerxencia espiritual se resolveu cun “Señor mío, Jesucristo”. Se Tejero chega a disparar, a estas horas poderiamos ter o primeiro santo deputado da Historia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de novembro de 1992.