La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, paseando por Madrid, vin unha pintada escritaen letra encarnada de tamaño grande e rubricada cun signo quepodía ser unha serie de ondas na auga ou un “m” minúsculo malfeito, que dicía: “El moro nos invade. Defiende tu nación”. A expresión “el moro” non a volvera escoitar eu desde a primeira campaña electoral, cando o representante dunha daquelas siglas que formaban o que entón se chamou sopa de letras, saíu na televisión dicindo que España era un país en decadencia, a quen non respectaba “ni el moro”.

Supoño que con termo “mouro” se queren referir sobretodo aos marroquís, que aquí se coñecen popularmente desa maneira,pero sospeito que na pintada, a expresión abarcaba aos árabes en xeral, pois na mesma parede e ca mesma cor de letra, aínda que non tan grande, había un escrito que dicía: “Argelinos mamones”.

A verdade é que en Madrid se ve bastante xente con aspecto “mouro”, aínda que moitos deles estou seguro que son españois. Os que non o son, eu diría que se identifican non tanto pola aparencia física como pola maneira de vestir, a actividade que realizan e o feito de andaren en grupo. En xeral, estes aos que me refiro, dá a sensación de seren xente abandonada á súa sorte, desamparada. Non se entende ben que se consideren invasores nin que haxa que defenderse deles. En boa lóxica habería que defendelos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de novembro de 1997.