La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escribo sentado nun sofá da zona de embarque do aeroporto de Alacant, agardando a saída do avión que me vai levar a Madrid para proseguir despois ata Vigo. Como non chegarei á casa ata as dez da noite, teño que aproveitar o tempo, de maneira que este artigo poida aparecer no periódico unhas horas despois, é dicir, o martes pola mañá. Esa é razón de que estea nunha posición incómoda: o ordenador apoiado nos xeonllos, a xente de arredor mirando para min con cara de sorpresa e a batería a punto de esgotarse.

Por outra parte, o meu paso por Alacant foi tan rápido que non vin case nada que me chamase a atención. A conferencia, ben. A comida posterior, agradable, pero coa conversa volcada sobre os problemas que teñen convulsionada a universidade e que a min me collían de lonxe, sen información e desganado.

Só me queda dicir que este aeroporto é moi distinto do que vin a última vez que estiven aquí. Agora parece moito máis grande. Os corredores son inmensos. Cando me decatei, acordeime dos de Copenhague porque os daneses, que teñen sentido práctico, enchéronos de bicicletas e patinetes, que a xente usa con naturalidade. Eu non sei se aquí daría resultado unha cousa igual, pois en España hai unha conciencia fidalga excesiva da propia dignidade. Quizais se puidese salvar o decoro con carriños guiados por chofer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de outubro de 1996.