La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un profesor italiano, Carlo M. Cipolla, ten descuberto as leis fundamentais da estupidez humana. Son cinco: sempre se subestima o número de individuos estúpidos que andan polo mundo; a probabilidade de que unha persoa sexa estúpida é independente de calquera outra característica da mesma persoa; unha persoa estúpida é unha persoa que causa dano a outras persoas sen obter proveito para si; as persoas non estúpidas subestiman sempre o poder nocivo dos estúpidos; a persoa estúpida é o tipo de persoa máis perigoso que existe.

Estas son as cinco leis, enunciadas de xeito resumido. Quen queira saber máis pode ler directamente o libro do propio Cipolla, que se titula Allegro ma non troppo, e que resulta moi útil. Ten a vantaxe, ademais, de que na parte final inclúe unhas fichas, elaboradas con gráficos, que se poden aplicar a persoas concretas e averiguar se realmente son estúpidas.

Poderíase facer a proba, por exemplo, con Enric Marín, o decano da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Barcelona, que suprimiu a materia de Historia de España do plan de estudos. Non obstante, o exercicio carece de graza: aparece tan evidente desde o primeiro momento o resultado, que perde o marabilloso aliciente da sorpresa. O estimulante consiste en contratar a alguén de quen, a pesar das aparencias, sempre sospeitamos que fose estúpido. Os resultados son estúpidos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de outubro de 1992.