La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, no palacio da Zarzuela, durante unha recepción a un grupo de escritores, Francisco Umbral díxolle ao rei Juan Carlos que Gonzalo Torrente Ballester era un gran mentiroso. Para que se entenda mellor, debo engadir que a frase foi precedida dunha pregunta do monarca, intrigado por saber de onde sacaba don Gonzalo as cousas raras que escribía. Nunca souben se a resposta de Umbral a entendeu o aludido como unha impertinencia ou como un eloxio, á parte da intención con que fose pronunciada.

Eu, desde logo, entenderíaa no seu aspecto máis positivo. Como se sabe, Valle-Inclán narraba na tertulia unhas historias magníficas, ás veces difíciles de crer. Cóntase que nunha ocasión, alguén dixo en ton desencantado que o escritor inventaba todo, pero que era mentira. Alguén lle respondeu: “Si, mentira, pero só para os parvos”.

Acordeime disto onte, mentres lía unha crítica feroz contra o escritor polaco Ryszard Kapuscincky, a quen xa teñen acusado va rias veces de ser un tramposo. É probable que no palacio do emperador de Etiopía, o Rei de Reis, León de Xudá e outros títulos, coñecido tamén como Haile Selassie, non existise o cargo do  Limpador de Zapatos dos Destinatarios Mexados polo Can do Emperador, nin o Ministro da Pluma, pero hai realidades tan disparatadas que non se poden entender máis que a través dun disparate maior.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de setembro de 1997.