La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A fins do ano 1920, o millonario Ned McLean e a súa extravagante muller, a célebre Evalyn Walsh, foron expulsados da Casa Branca porque aquel, durante unha recepción, non só se atreveu a facer augas menores na cheminea dun dos salóns, senón que fixo o mesmo nunha perna do embaixador de Bélxica. Moitos atribuíron a desgraza daquela historia á maldición do diamante Hope, do cal eran propietarios. Antes xa lle morreran unha filla e unha criada, cumpríndose así a lenda de que aquel diamante mataba.

O Hope era a única xoia que levaba a raíña María Antonieta cando o seu pescozo foi tronzado pola guillotina irreverente da Revolución francesa. Antes pertencera a Luís XIV, que morreu de gangrena. Este rei de Francia mercáralle o diamante a un tal Jean-Baptiste Tavernier, vítima tamén do maleficio, no seu caso mordido por uns cans.

Cando Evalyn Walsh McLean se arruinou, vendeulle o diamante ao xoieiro Harry Winston, que o donou a unha institución de Washington, á cal llo remitiu por correo. Un ano despois, o carteiro que entregou o paquete foi pillado por un camión e rompeu a cabeza nun accidente de tráfico, no que morreron a súa muller e o can. Por se fose pouco, ardeulle a casa. Leo agora nunha revista americana que este señor está convencido de que o diamante non tivo nada que ver coas súas desgrazas. Ata pode que teña razón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de agosto de 1997.