La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, nunha cea de amigos que tivemos en Ourense, un portugués contounos unha pelexa na que participara unha semana antes, cando un delincuente entrou nunha casa da aldea onde vive, preto de Chaves, e matou a coiteladas a unha neniña de poucos anos. Varios homes saíron en persecución do asasino, armados con escopetas e pistolas. Quen o localizou no monte foi o noso amigo, que se botou a el para prendelo e entregarllo á policía. Coa furia, non se decatou de que o bárbaro medía dous metros.

E por riba pesaba máis de cen quilos. Na loita, unha pistola ía e viña da cabeza dun á cabeza do outro, agarrada ao mesmo tempo polas mans de ambos os dous. Nos longos minutos que durou a pelexa, a morte ou a supervivencia do xusticieiro dependían da forza que tivese para evitar que o outro apretase o gatillo.

Conseguiuno, pero cando xa daba por feito que a historia rematara de maneira feliz para el, o monstro colleu unha pedra enorme para sentenciar pola vía salvaxe o confrontamento. Nese instante, o noso amigo non tivo máis remedio que facer uso da pistola. Por fortuna e porque non era esa a súa intención, non o matou. Foi unha decisión que tomou coa cabeza en contra do que lle pedía o corazón. Contouno con calma, mentres comía e bebía ben. Desde logo, non parecía un heroe, pero si un home legal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xullo de 1996.