La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, antes de ir dar unha volta ata as Cíes, achegueime a Baiona para pasar un par de horas de tertulia con Gonzalo Torrente Ballester. Xa teño falado aquí outras veces da sinxeleza e a falta de solemnidade deste home, que algúns consideran distante e que os amigos que o coñecemos de cerca sabemos que non garda máis distancias que as que marcan a boa educación e a intelixencia, unha calidade que, cando é lúcida e serena, rara vez se deixa arrastrar polos entusiasmos, aínda que si polos afectos.

Digo todo isto a propósito dunha cousa que contou Fernanda, a muller do novelista, e que a min me recordou unha historia que xa teño narrado aquí. Refírome ao día que lle fixeron unha entrevista na televisión, mentres comía unha magdalena, e da fruición con que aproveitaba as migas que lle caían no micrófono.

O que contou Fernanda onte foi un episodio relacionado cunha feira do libro na que Torrente tiña que firmar. Chegou como fai sempre, sen parafernalias de ningún tipo. O caso é que non o estaban agardando, quizais porque non era aínda a hora, e sentouse na caseta das firmas, esperando. Ocorreu que pasou por alí unha nena, achegouse ao escritor e díxolle: “Deme unha peseta de pipas”. El xa non se acorda de como acabou a historia, pero onte, desde logo, acabou entre risas. A de Torrente máis forte que ningunha.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xullo de 1996.