La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte collín un avión en Tijuana, na Baixa California, e vin para Guadalajara, invitado polo Consulado Xeral de España, para dar unhas conferencias e participar nuns encontros con escritores mexicanos. Alegroume ver na lista destes últimos a Fernando del Paso, de quen lin con devoción, hai xa bastantes anos, unha novela espléndida: Palinuro de México. Como non teño que empezar as actividades ata o martes, o cónsul aproveita para levarme dun lado para outro no seu coche e amosarme a cidade.

O contraste entre a Baixa California e Jalisco é moi forte. Alí arriba, na fronteira cos Estados Unidos, abunda o chabolismo e as cidades teñen un aire de campamentos do Oeste, como se aínda estivesen habitadas por aventureiros. Ao entrar no aeroporto de Tijuana dan ganas de botarse a correr e non coller o avión, tan caótico parece todo.

Aquí abaixo semella diferente. Guadalajara é unha cidade fermosa, chea de árbores, de casas con pouca altura, clima excelente nesta época do ano, e moi alegre. Chamoume a atención o fervor relixioso da xente. Onte, por exemplo, vin bastantes persoas, incluso rapaces novos, camiñando de xeonllos para entrar na igrexa da Virxe da Expectación. É unha relixiosidade rara, con moitos ritos, cruces, estampas, bicos aos santos… O cónsul amosoume un papel dun señor que lle daba grazas á Virxe pola morte dun inimigo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xuño de 1997.