La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá espertáronme as campás da catedral de Tréveris, unha fervenza musical impoñente que agradecín moito. Desde hai anos vivo nun lugar onde ese agradable soar do bronce, tan ligado ás alegrías da nenez, foi substituído nunha capela próxima á miña casa, por unha cinta magnetofónica conectada a un altofalante deses que se utilizan para amplificar a música das orquestras nas verbenas. De maneira que me erguín contento e abrín a ventá para escoitar aínda mellor aquel regalo de Deus.

Despois viñéronme buscar para facer unha excursión polo Mosela, ata a vila de Cochem, a uns oitenta quilómetros, onde hai un castelo tan ben colocadiño no alto dun monte, sobre o río, que se chega a ser un pouco máis fermoso aínda parecería un cromo. Afortunadamente, porque lle falta ese punto é unha marabilla.

O mesmo sucede con Bernkastel, unha cidade pequena, tamén con castelo, rodeada de viñas. As casas son preciosas, moi ben colocadas, algunhas delas do século XV. Comimos precisamente nun restaurante instalado nunha das máis antigas. Como o tempo non era malo, xantamos fóra, ao aire libre. Gustaríame falar do menú, da cervexa, do puro e da tertulia que seguiu. Non o vou facer, non obstante, porque a felicidade non se debe exhibir. Ademais, estas cousas non son difíciles de imaxinar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xuño de 1995.