La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe teño que ir a San Diego, en California, onde darei unha conferencia na universidade o próximo xoves. É unha viaxe longa, de máis de doce horas, cunha parada breve, para cambiar de avión, en Nova York. Nestas ocasións, o que fago sempre é ler, entre outras cousas porque non podo durmir, que se ría o máis razoable. Confeso que sinto envexa por esas persoas que se acomodan no asento do avión, tapan os ollos cun antifaz e botan un soniño. Se non fose polas caras feas que poñen, sería unha marabilla.

Algunha vez, canso de ler e sen ningunha outra actividade en que matar o tempo, teño imaxinado como se podería deseñar un avión máis cómodo, cun sistema de asentos convertibles en camas. A final, desisto porque me dá a sensación de que podo acabar sendo un dos inventores da pólvora ou o tolo do movemento continuo.

Os avións están ben como están: todo aproveitadiño e cada obxecto no seu sitio, a non ser os propios cóbados, que un non sabe onde metelos á hora de comer. Nese momento, eu que son escasamente competitivo, perdo sempre a partida fronte aos meus compañeiros de asento. Así que como cos brazos pegados ao corpo, baixando a cabeza ata o cuberto e procurando non molestar. Supoño que debo compoñer unha imaxe un pouco ridícula, pero non importa. Se miro aos lados, tampouco parece que os demais campen moito mellor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xuño de 1997.