La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O número de persoas con título universitario medrou tanto no mundo nas últimas décadas, que os temas dispoñibles para seren convertidos en obxecto de investigación, especialmente no campo das Humanidades, tivo que ampliarse nunha proporción similar. Non é difícil, polo tanto, atopar estudos científicos sobre calquera cousa, o mesmo sobre o prezo das patacas no século XIX que sobre o número de habitantes que tiña Lugo na época dos romanos ou os nomes das distintas saias que levaban as mulleres nobres na Idade Media.

Aproveitando que estamos na véspera dunhas eleccións xerais, eu atreveríame a propoñerlle a quen queira recoller a suxestión, un traballo arredor das urnas. Refírome ás urnas en canto realidade física, visible e tanxible, non como función ou símbolo. Digo isto porque as caixas nas que os electores introducen os seus votos son moi diferentes duns países a outros, un feito que algún significado pode ter.

En Suecia, por exemplo, son de madeira e de tamaño tan grande que ata se podería disimular dentro de cada unha delas un anano capaz de facer amaños e trampas. En España, en cambio, son dun material plástico transparente e tan pequenas que nin unha formiga entrenada sería quen de alterar o resultado dunha soa papeleta. Aos suecos hai xa moitos anos que non lles pasa pola cabeza a idea de que haxa un anano dentro. Aquí, en cambio, aínda hai xente que pensa que existen colexios para entrenar formigas senvergonzas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xuño de 1993.