La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se o rei Víctor Manuel de Italia, que medía pouco máis de metro e medio, lles chegou a parecer un personaxe ridículo aos italianos, non se debeu tanto á súa curtísima estatura como á teima que tiña de vestir de militar. O contraste entre o uniforme castrense, normalmente asociado coas ideas de poderío e marcialidade, e a talla minguada do monarca, acentuaba ata extremos absolutamente cómicos a súa figura infantil. Por se fose pouco, para incrementar aínda máis a catástrofe, o rei empeñábase en andar empinado na punta dos pés.

A xente está disposta a aceptar que os personaxes públicos sexan pequenos, mesmo ananos, ou barrigudos; o que non aturan facilmente é que sexan tramposos ou hipócritas. As desventuras do príncipe Carlos de Inglaterra non lle veñen das orellas, dúas desgrazas considerables situadas a ambos lados da cabeza, senón da incoherencia entre os valores que parece encarnar e a realidade da vida que leva.

Por iso non se entende ben a filosofía dos expertos en imaxe, empeñados en facernos crer que as eleccións se gañan ou perden por este tipo de cuestións. Resulta divertido ver como os asesores de José María Aznar libraron unha durísima batalla para que no debate con Felipe González ambos estivesen sentados a fin de que non se notase que o político conservador é máis baixo que o dirixente socialista. Se non fose un atrevemento, a un daríanlle ganas de facer un chamamento urxente á rebeldía electoral a todos os pequenos do país.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de maio de 1993.