La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñezo un escritor que leva diario e que o publica de cando en vez. Nunha das páxinas anotou un día que comera cun ilustre colega estranxeiro, premio Nobel de literatura e figura moi coñecida internacionalmente. Describía a velada con detalle e explicaba diversas circunstancias, desde a vestimenta do home con quen compartira unhas horas de conversa agradable, ata a agudeza do que se dixera durante o xantar. O que non comentaba era a verdade: que naquela xuntanza había douscentos comensais.

Acabo de ler nunha revista norteamericana un artigo sobre as mentiras de André Malraux, que contou bastantes ao longo da súa vida. Nas súas memorias, ou mais ben Antimemorias, como el mesmo as titulou, comenta a entrevista que mantivo en China con Mao en 1965, que describe como un diálogo fascinante entre dous colosos.

Agora din que non foi así, porque se coñecen outras versións da reunión, a do intérprete de Mao e a do embaixador francés en Pequín, ambos presentes aquel día. En primeiro lugar, non durou horas, senón minutos, e tratou de banalidades sen interese, incluído un comentario mortificante do Gran Temoneiro sobre os intelectuais revisionistas, é dicir, sobre o propio Malraux. O autor do artigo chámalle tramposo ao escritor. Quizais teña razón, aínda que tamén se podería pensar que os tramposos foron os outros dous.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de maio de 1997.