La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A semana que agora remata, tiven que viaxar todas as mañás de Vigo á Coruña, case ida por volta, polo cal puiden escoitar a radio durante un par de horas diarias polo menos. Entre as moitas cousas que oín, divertiume bastante un programa de cotilleo sobre a familia real inglesa, no que participaban varios expertos, un deles indignado coa conduta pública dos membros da casa de Windsor. Foi este señor quen dixo que, ao paso que van, o descrédito acabará facendo imposible o futuro da monarquía no Reino Unido.

É probable, pero non seguro. Houbo épocas nas que as cousas foron moito peores que agora e non pasou nada. Se falamos de desprestixio, a familia actual resulta exemplar comparada coa de Xurxo III, que morreu tolo no século pasado e deixou detrás de si sete fillos varóns, todos rariños e cinco mulleres que non eran santas.

Dun deles, o duque de Cumberland, díxose que matara un criado para roubarlle o calcetín onde gardaba o diñeiro. Outro dos irmás arruinouse construíndo unha casa, que nunca rematou, e casou cunha señora á cal non lle gustaba durmir e coleccionaba periquitos. Polo que respecta ao maior, que reinou como Guillermo IV, dedicábase a beliscar as señoras no traseiro. É dicir, que o desastre non carece de antecedentes. En Inglaterra as cousas con entidade teñen sempre tradición, incluídos os pecados da familia real.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de maio de1995 .