La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa bastantes anos, os colaboradores de prensa cobraban os seus artigos por centímetro. Non recordo a tarifa, pero eu aínda vin a don Vicente Risco medindo cunha regla as súas colaboracións e logo facendo unhas sumas enormes, que ó final, traducidas a pesetas, daban unhas cifras pequeniñas. Tampouco teño noticias de cando cambiou ese costume, pero foi práctica habitual nos periódicos durante moito tempo. Formaba parte dun código que incluía tamén o tipo de firma, arriba, antes do texto, ou ó final. Teño entendido que esta última era a máis nobre e quedaba reservada a colaboradores de mérito, como académicos e xentes polo estilo.

Había tamén os colaboradores gratuítos. En Ourense eu coñecín a un que aspiraba a selo, pero cometeu unha equivocación: mandar unha denuncia política contra o periódico no que aspiraba a escribir, a cal chegou en fotocopia ó poder do director o mesmo día que o denunciante se lle ofrecía, igualmente por escrito, como «humilde colaborador».

Por último estaban os agoniantes, aqueles que suspiraban por un aumento da tarifa que nunca chegaba. Aínda me falaron o outro día dun destes, que consultou o seu caso con Rafael Dieste, colaborador de varios periódicos, o cal lle deu un concello: rebaixar a calidade dos artigos. Non llo dixo así, senón que lle suxeriu a cousa cunha frase feita: «Dalle gato por lebre». O interesado falou co director do periódico, díxolle que quería cobrar máis pola colaboración, pero este non aceptou a proposta de ningún xeito. Desolado, o home volveu ó café de onde partira e contoulle a Rafael Dieste o resultado da entrevista. Este último volveuno aconsellar: «Terás que seguir dando lebre por gato».

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de maio de 2000 .