La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Podía reconstruír perfectamente todo canto fixen unha noite de primavera dos primeiros anos sesenta, despois de ver a película À bout de souffle, de Jean-Luc Godard. Sei que andei paseando só, sen poder quitar da cabeza a imaxe daquela moza loira de pelo curto e pantalóns vaqueiros que berraba con tanta graza o nome do periódico que vendía polas rúas de París, o New York Herald Tribune, e que quería ser escritora, pero que acababa liándose cun delincuente simpático chamado Michel. Era a actriz Jean Seberg.

Tiña os meus anos. Desde entón, convertinme en fiel seguidor da súa carreira, aínda que debo confesar que me decepcionou un pouco cando casou cun escuro novelista francés sen demasiado talento e cando máis tarde acabou sendo amante dun escritor que eu coñecín e que tampouco me resultou simpático.

Suicidouse en 1979 e está enterrada no cemiterio de Montparnasse, onde lle fixen algunhas visitas. Foron moitos os que contribuíron a este final, entre eles o sinistro Hoover, o xefe do FBI, que lle inventou algunhas calumnias só porque Jean Seberg apoiababa os Panteiras Negras. Agora, alguén se acordou dela e compuxo un filme onde se conta a súa vida. Espero que pronto se poida ver aquí, aínda que un non estea xa, desgraciadamente, na idade de andar dando voltas polas rúas despois de ver unha  película.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de abril de 1996.