La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na aldea de Corbillón, entre Allariz e Celanova, en terras de Ourense, hai un famoso penedo. Aínda hoxe non é raro ver dúas persoas, unha colocada embaixo e outra subida na cima, para levar a cabo algo que parece un vello rito pagán. O de riba, provisto dun vaso, ten que enchelo sete veces nunha poza de auga furada no alto, e verter o contido sobre a cabeza do compañeiro, ao mesmo tempo que reza tres veces a salve.

Os que participan na cerimonia pensan que ese é o remedio máis seguro para curar non sei que clase de enfermidade. Aínda que xa hai moito tempo que se sabe que a malaria é unha doenza infecciosa transmitida por mosquitos, moitos italianos do sur seguen crendo que se trata dunha mala aria, é dicir, dun mal aire, e están convencidos de que a mellor maneira de combatila é bañando o enfermo en auga tépeda de sete fontes ou dunha fonte que nunca seque, como se fai en Galicia coas persoas que collen un aire ruín.

Un estudo feito pola OMS demostra que o oitenta por cen dos habitantes do planeta seguen tratando as enfermidades con procedementos parecidos a estes que acabamos de citar. O mundo non deixa de ser un océano inmenso de ignorancia, no cal emerxen aquí e alá uns pequenos illotes gobernados pola razón. Non debe sorprendernos, polo tanto, que algúns individuos maten aínda os seus adversarios. Terán que pasar moitos séculos ata que dean un paso máis cara á civilización e se contenten só con insultalos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de abril de 1993.