La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñecín a John Balan hai xa moitos anos, cando eu era estudante de bacharelato e el actuaba nas salas de festas co nome de “El hombre orquesta”. Daquela, un dos seus números máis celebrados era a interpretación, valéndose só da boca e mais dos labios, de El sitio de Zaragoza. Tamén imitaba moi ben o chiflo do capador e os freazos dos coches, estes últimos en plena rúa, para asustar os peatóns. Desde entón, véxoo con frecuencia. Unha vez á semana, polo menos, saudámonos nunha cafetería de Vigo, á hora do almorzo.  O outro día, aínda nos representou unha película do Oeste, desas nas que el fai dobre papel: o bo e o malo.

Neste tipo de actuacións, cambia de lado, segundo interprete o heroe ou o canalla. Este, por exemplo, di apuntando co revólver ao primeiro: “Joe, te llegó la hora”. E o outro, momento en que Balan se sitúa no lado oposto, responde cunha voz diferente: “Jimmy, antes de que caiga el sol, tendrás un traje de pino”. E dispara. Ás veces, estes diálogos desenvólvense en inglés con forte acento americano.

Por esta cousa das linguas, o xoves pasado, John Balan chegou ao café moi desgustado. A véspera tivera que actuar para uns turistas de non sei que parte de España. Cantou para eles varias cancións en galego, ata que un señor nervioso berroulle dicindo que fixese o favor de cantar “en cristiano”. Entón, Balan, sen dicir nada, pasou a un dos seus números fortes: a interpretación, en inglés, das cancións máis coñecidas de Frank Sinatra, que borda. Foi o delirio, incluído o protestón, que se puxo a aplaudir con entusiasmo. Balan mirouno con desprezo, non por nada, senón por ignorante: non sabía que, máis que “cristiano”, Sinatra era da mafia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de abril de 1999.