La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No mes de febreiro do ano 1992, catro rapaces irlandeses, membros do IRA, conseguiron levar con trampas ata unha granxa apartada a un home chamado Eric Glass, soldado a tempo parcial. Eles portaban dous fusís automáticos e pensaban que o outro debía estar desarmado. Cando empezou o tiroteo e xa lle meteran moitas balas no corpo, descubriron con sorpresa que aquel mozo levaba unha pistola e que sabía defenderse, tanto que matou a un deles, un tal Sean MacManus, e obrigou a fuxir aos demais.

Despois da emboscada, cunha perna rota e sangrando por todas partes, Eric Glass non conseguiu que o dono da granxa onde o deixaran ferido se prestase a chamar por teléfono á policía. Tivo que facelo el mesmo, arrastrándose ata a casa. O que ocorreu despois, xa non o sei; non vén na revista onde lin o suceso.

O que si vén é que o rapaz morto, Sean MacManus, era un bo rapaz, que de neno soñaba con ser futbolista e que foi enterrado como un heroe. Non dubido da súa bondade e supoño que para os seus amigos debía ser iso que lle recoñeceron no funeral. A min, en cambio, gustaríame saber tamén como é o home que foi enganado, non sei de que maneira, para ser cosido a tiros. Desde logo, polo seu comportamento non parece nin un covarde nin desconfiado. E resulta que, ao mellor, tamén lle gustaba o fútbol.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de abril de 1996.