La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei como agradecerlle a María Dolores Vicente Lesta, de Santiago, que tivese a amabilidade de enviarme onte un caramelo de cristal precioso, de color azul escura, cunha pequena franxa branca no medio. Poreino xunto cos outros, nesa maravillosa mentira que adorna unha das mesas da miña casa, para que me recorde, sempre que mire para el, o xesto amistoso dunha señora á cal non coñezo, pero que imaxino como debe ser. Nunca pensei, cando empecei esta sección, hai miles de días, que aquela tortura diaria de ir contando o que me pasaba, acabaría resultando tan agradable, gracias a todos os bos amigos que fun facendo desde entón.

Na carta que acompaña ó caramelo, a miña amable lectora fai votos para que este ano non me pase coa mazaira o que me pasou o ano pasado. Pois de momento, parece que as cousas se presentan bastante ben: a árbore está florida, fermosa como unha rapaciña nova, ou como unha desas señoras maiores guapas, que nesto os anos non o son todo.

Lamento que a María Dolores, tal como me conta, a xeada lle destragase os mirabeis, que lle quedaron convertidos en grans de café recén tostados. Ela mesma di que haberá que esperar ata a próxima primavera. Non está mal. Eu pódolle dicir que eso mesmo foi o que fixen eu no último ano e que ese foi tamén un dos motivos que me alegraron os días do inverno, cando aínda non sabía qué podía pasar coa mazaira. Como dicía a miña avoa, as cousas grandes case nunca dan alegrías: guerras, catástrofes, mentres que as pequenas raramente decepcionan. O outro día, en Madrid, regaleime un teleférico en miniatura para o tren eléctrico. Aínda non deixei de pasmar. E agora, o caramelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de abril de 2000.