La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pablo Neruda escribiu un dos libros de amor máis fermosos de todos cantos se teñen publicado neste século, pero a delicada muller que inspirou a maior parte dos poemas que o forman, Albertina, non quixo compartir a súa vida sentimental co poeta, quizais porque era pobre, patoso e feo. O caso é que Neruda acabou casado cunha muller enorme, tan grande que sentía vergonza en presentárllela aos amigos. Cando foi ver a Rafael Alberti, por exemplo, deixouna no portal, pois antes quería avisalo a fin de que non se sorprendese ou se asustase.

Despois, namorouse de Delia del Carril, a quen bautizou como Hormiga, unha aristócrata arxentina, das que viaxaban a Europa coa vaca na adega do barco, e que era moito maior ca el. Foi ela quen o levou ao comunismo. A diferenza de idade fixo que Neruda se fose distanciando, para caer ao final nos brazos de Matilde Urrutia, unha chilena á cal tivo oculta durante oito anos, sen que Delia se decatase.

Non acabaron aí as trouladas amorosas do poeta, que pouco antes de morrer aínda perdeu o sentido por unha rapaciña nova que traballaba na súa casa, de onde foi fulminantemente desterrada por Matilde cando descubriu o tomate in fraganti. Desde París, Neruda aínda mantería con aquel amor outonal e serodio unha secreta correspondencia apaixonada. A muller a quen máis amou, non obstante, aquela mítica Albertina que inspirou os Veinte poemas de amor, non lle fixo moito caso, tratouno con frialdade e casou con outro poeta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de marzo de 1993.