La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí de Luis Antón del Olmet, aquel senvergonza que dirixía un periódico para facer chantaxes no Madrid dos anos vinte e a quen matou dun tiro o periodista catalán Alfonso Vidal y Planas, que traballaba para el. Este último era un antigo seminarista que caeu pola Corte e que en pouco tempo se xuntou coa crema da golfería intelectual da súa época. Durante anos foi unha das figuras máis coñecidas da bohemia madrileña. Viviu aplastado pola bota poderosa do seu xefe, aquel miserable. Exerceu de sablista.

Ao revés do que sucedeu coa maior parte dos membros da hampa literaria de entón, este homiño tiña talento. Alá por 1919 obtivo un grande éxito cunha novela titulada Santa Isabel de Ceres, que trataba dunha muller do pecado, oficio que lle inspiraba auténtica compaixón. Acabou casando cunha delas, unha tal Elenita.

Aquel éxito momentáneo permitiulle vivir ben unha tempada. Incluso engordou. De seguida, non obstante, acabou caendo no de sempre. Andaba pola rúa alucinado e fraco, con ollos de tolo. Nunha destas foi cando lle pegou o tiro a Antón del Olmet. Estivo un par de anos no cárcere, pois conseguiu un indulto, en parte porque a vítima era un desalmado. Da cadea saíu moi mellorado, gordiño e tranquilo, resarcido de anos sen durmir e libre dos estragos do alcohol. Marchou a América e morreu en Tijuana, México, en 1965.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de marzo de 1996.