La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, estando en Suecia durante o verán, declarouse un incendio perto da casa onde eu pasaba as vacacións. As chamas e o fume eran tan impresionantes que de seguida atraeron a atención de moitos curiosos coma min, que naquelas horas estaban descansando os xardíns. Non sei qué razóns podían levar a todas aquelas personas tranquilas e pacíficas, pouco dadas a meterse en asuntos que non fosen da súa incumbencia, a aproximarse ó lugar do suceso, pero eu fun alí cun propósito moi definido. Quería ver en directo, funcionando como unha máquina perfectamente engrasada, a famosa eficacia sueca.

A primeira sorpresa positiva foi comprobar cómo os bombeiros chegaban ó seu destino nun tempo que me pareceu fantástico. Despois, todo foi un desastre: non había auga, a un coche derramóuselle algo que impedía extende e subir a escada magnífica que levaba ás costas, unha mangueira que conseguiron enchufar finalmente a algún sitio estaba furada…

A inocencia que perdín aquel día convertiuse cos anos en escepticismo en Alemania, onde vin chapuzas similares con motivo dun accidente de circulación. Pensaba eu nestas dúas experiencias onte pola noite, mentres seguía a través da televisión sueca un programa sobre as cascudas (cucarachas en castelán). Resulta que, polo visto, cousa que eu ignoraba, estes bichos, que agora abundan naquel país, son unha peste nova, ata agora descoñecida alá arriba. Segundo os expertos están chegando nas maletas de viaxeiros que veñen de países onde abundan. Non digo que non e poda que sexa como aseguran, pero sucede que aquí onde vivo eu, os paisanos din que os sapos viñeron de Portugal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de marzo de 2000.