La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aínda que non figure nos dicionarios, hai unha palabra na miña terra que se emprega para designar individuos de pouco sentido, faladores e trapalleiros, dos que se di, nun ton máis afectuoso que despectivo, que son uns charrelos. Agora mesmo teño na cabeza a un destes tipos aloucados, do que non citarei o nome porque supoño que aínda debe estar vivo, a quen lle acaía tan propiamente tal adxectivo que eu mesmo cheguei a pensar que ese era o seu nome verdadeiro, tantas veces e dunha maneira tan pertinente llo oín chamar.

Un día sorprendeu a filla na cama co seu mozo e o citado charrelo armou un albaroto de tal magnitude que un suceso que en principio puido quedar reducido ao ámbito privado da vida familiar, acabou sendo voceado polo pai de trompeta polas rúas. De maneira que a fama da rapaza, ata aquel día inmaculada, converteuse nun acontecemento que marca co sinal do pecado para sempre.

É a mesma falta de sentidiño que estamos vendo estes días na vida política española. Cunha contumacia que sobrecolle pola carga de insensatez que encerra, algúns políticos parecen decididos a demostrarlle á opinión pública que a profesión que exercen é oficio de senvergonzas, ladróns, aproveitados e mentirosos. Naturalmente, os que proceden de xeito tan atolondrado confían en que, ao final, os malandríns van pertencer todos ao mesmo bando. O que sucede é que un burro tan falso non hai quen o compre. ¡Pois vaia negocio!

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de marzo de 1993.