La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No congreso este de Lisboa, que trata sobre “Os narradores e o mar”, participamos arredor de cincuenta escritores, cada un disposto a contar o que se lle ocorra respecto do asunto que nos xuntou aquí. Hai de todo, desde quen viu o mar por primeira vez durante a súa lúa de mel, ata quen naceu á beira del ou aqueles outros que navegaron por todos os océanos en grandes petroleiros como oficiais da marina mercante. En conxunto, os relatos son interesantes, como ocorre case sempre coas experiencias persoais.

Hai tamén xente que viu o mar só a través da literatura. Se eu tivese que elixir entre todas as mesas redondas que se celebaron ata agora, un total de seis, foron precisamente os participantes desta última categoría os que dixeron as cousas máis atractivas, polo menos para min. Trataron o tema “Sereas, monstros e lendas”.

Gustoume de maneira especial o que dixo Pepe Esteban, un home que vive entre libros, os corenta mil que ten na súa casa. Falou dunha serea que apareceu moribunda en Xénova, no século XVI, e que foi vista por Filipe II. Antes de que morrese, bautizouna un bispo. Poucos días despois, uns descoñecidos roubaron o seu corpo, parece que co propósito de vender os seus cabelos un a un, como remedio contra a calvicie. Polo visto, resultaba eficacísimo. Así que os calvos de hoxe xa saben o que teñen que facer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de marzo de 1998.