La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando era estudante en Oxford, o escritor Oscar Wilde falaba con frecuencia cos seus amigos da posibilidade de converterse ao catolicismo. Non acababa de decidirse, non obstante. Nin a audiencia privada que lle concedeu o papa Pío IX conseguiu ese fin. O organizador daquel encontro, un compañeiro de Wilde, agarrou un día o poeta pola cabeza e díxolle que se ía condenar. Un amigo que asistía á discusión preguntou: “¿E que pasará comigo?” A resposta foi moi cruel: “É seguro que ti te salvarás por ignorante”.

Para evitar a condena eterna, Oscar Wilde morreu asistido por un sacerdote católico. Non é probable que o escritor se atopase consciente, aínda que as persoas que o rodeaban estaban convencidas de que se cumpría a súa vontade. Alguén dixo, non obstante, que aplicarlle os óleos fora como poñerlle un caravel verde na chaqueta.

Os anglicanos nunca lle perdoaron unha traizón que tampouco era difícil prever. Pouco tempo despois de saír do cárcere, onde cumprira dous anos de prisión por sodomía, Wilde dixo que o catolicismo era unha relixión para santos e pecadores, pero que para a xente respectable abondaba coa Igrexa Anglicana. Nunca debeu sospeitar ata que punto tiña razón. Desde hai uns días, o escritor conta cunha vidreira na abadía de Westminster, como outros grandes poetas. Ao final, a xente respectable foi xenerosa co pecador.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de febreiro de 1995.