La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na igrexia parroquial de Beiro, preto de Ourense, onde exerceu de cura o célebre Basilio Álvarez, hai unha imaxe de san Xurxo pelexando co dragón, que está situada sobre unha base de pedra no tímpano da porta principal. Cando eu era neno e asistía á misa desde o adro, subido no colo do meu pai, sempre facía a mesma pregunta: “E san Xurxo, ¿que santo é?” Supoño que foi entón cando o meu proxenitor, preocupado pola miña intelixencia, empezou a preguntarme con frecuencia se sabía de que color era o cabalo branco de Santiago.

Esa proba, que conseguín superar sempre, supoño que servía para tranquilizar momentaneamente a miña familia, polo menos ata o domingo seguinte, cando volvía formular en voz alta aquel enigma que ninguén me conseguía aclarar e que hoxe, transcorridos tantos anos, nin eu mesmo sei que quería dicir.

A historia veume á memoria a semana pasada, mentres lía un artigo nunha revista. Parece ser que ata hai pouco tempo, os sabios que entenden en cousas de animais estaban desgustados porque non eran capaces de averiguar se a cebra é un bicho branco con raias negras ou un bicho negro con raias brancas. Por fin, despois de moitos anos de investigación teñen claro que se trata dun animal branco. A miña pregunta, polo tanto, non era tan estrafalaria. Despois de todo, entre cebras e dragóns algunha relación debe haber.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de febreiro de 1994 .