La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Agora mesmo, mentres escribo, desde o cuarto escoito unha moza que insulta unha vaca. Non sei que trastada lle faría o animal, pero algo gordo debeu ser porque a rapaza parece que está moi doída. En primeiro lugar chamoulle unha cousa fea, como se tratase de ofender a unha muller. Díxollo baixo as distintas formas que se pode dicir esa palabra, estendendo o insulto ata a nai que pariu a vaca e remontándose despois ata a corte celestial. Ao chegar ao ceo, non obstante, a indignación non pasou da Virxe María.

Contrasta a irritación desta pastora coa finura da súa voz. Se un tivese que imaxinala polas barbaridades que está dicindo, podería pensar que se trata dun marautallo, pero ese timbre non se corresponde. Os rebolos adoitan falar rouco, como os bebedores, non con esta limpeza de cristal que sobe desde o campo ata o meu cuarto.

Hai que aclarar que non todos os insultos teñen ese mesmo ton. Hai uns instantes aínda, quizais porque o repertorio da indignación xa non pode subir máis, a moza limitouse a chamarlle vaca á vaca, non como nome, senón tamén como nomeada, pois díxolle exactamente: “Es unha vaca gorda”. Ignoro se a xente que defende os dereitos dos animais incluirá os insultos entre os maltratos prohibidos. A min gustaríame que si. Desa maneira sería máis fácil reclamar os mesmos dereitos para as persoas, incluídos os políticos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de febreiro de 1995.